|     Contacta connosco      |     

LINGUAMÓN - Casa de les Llengües

As linguas de América

As linguas de América

Linguas de América do SurAs linguas de América clasifícanse en tres grandes familias:

  • A amerindia
  • A na-dene
  • A esquimoaleuta

As tres teñen a súa orixe en tres movementos migratorios que entraron ao continente polo estreito de Bering hai uns 18.000 anos, segundo as hipóteses máis contrastadas. 

Estas tres familias divídense nun bo número de grupos ben diferenciados: 

A familia amerindia é probablemente a máis diversificada do planeta, é dicir, a que se subdivide en máis grupos de linguas: conta cunhas 600 linguas pertencentes a máis de 100 grupos. 

As causas desta diversificación atópanse en dous feitos: a gran extensión do territorio, xa que abrangue toda América do Sur, América Central e boa parte da América do Norte (excepto as zonas ocupadas polas outras dúas familias lingüísticas), e o illamento que caracterizaba os grupos humanos do continente. 

Ao norte do continente destaca o grupo algonquino, con linguas como por exemplo o arapahoe, o cherokee e o dakota. Máis ao centro atopamos o grupo utoazteca, co comanche ou o náhuatl. Na rexión andina temos a lingua indíxena máis falada do continente, o quechua —con uns 10 millóns de falantes—, ademais do aimara e o mapuche. O guaraní e o tupí pertencen ao grupo ecuatorial-tucano. A cada beira do río Amazonas están tamén os grupos ge, pano e carib, con linguas actualmente con poucos falantes coma o mádija (ge), o marubo (pano) e o panare (carib).

A segunda familia, a na-dene, esténdese por Alaska e o oeste do Canadá. Ademais de linguas illadas, inclúe o grupo atapascán, co navaho e o apache, entre outros.

Finalmente, a familia esquimoaleuta ocupa a franxa norte do continente, de Alaska a Groenlandia. O grupo esquimal contén linguas coma o inuit e o iupik.

A inmensa diversidade lingüística de América mingüou dende a chegada de Colón en 1492, como consecuencia da colonización. Por poñer un exemplo, calcúlase que antes no Brasil existían unhas 1.200 linguas. Actualmente hai só unhas 170, a maioría delas en avanzado proceso de extinción. 

O guaraní é a única lingua amerindia que é oficial en todo un estado americano: o Paraguai. Outras linguas ou ben non gozan de ningún tipo de oficialidade ou  ben teñen un status de cooficialidade en parte do territorio, como por exemplo o quechua ou o aimara no Perú. Todos os estados de América teñen como linguas oficiais unha ou diversas das linguas levadas ao continente polos europeos: o español, o inglés, o francés, o portugués e o neerlandés

Os europeos tamén exportaron produtos ata entón descoñecidos en Europa e, consecuentemente os nomes para designalos. Así, chegáronnos verbas como pataca (quechua) ou tomate e chocolate (náhuatl), ademais de nomes de animais como piraña (tupí), e outros termos como por exemplo furacán (taino) ou anorac (inuit), entre moitos outros. 

Generalitat de Catalunya
Casa de les Llengües ©