|     Contacta connosco      |     

LINGUAMÓN - Casa de les Llengües

As linguas de Asia

Inicio > Diversidade lingüística  > Les llengües del món  > As linguas de Asia

As linguas de Asia

Les llengües d'Àsia

En Asia fálanse unhas 2000 linguas que se agrupan en diversas familias lingüísticas, algunhas delas localizadas só no continente asiático e outras conectan o continente co resto do mundo. Entre as que só atopamos no continente asiático están:

  • a familia altaica, que inclúe linguas coma o turco, o mongol ou o manchú;
  • a familia dravídica, localizada ao sur da India e Sri-Lanka e que inclúe linguas coma o támil ou o malaialam;
  • a familia sinotibetana, que inclúe, entre outras, o chinés, o birmano e o tibetano;
  • a familia austroasiática, que inclúe o vietnamita, o laosiano ou o khmer. Algúns autores relacionanna coa austronésica e coa daica (tailandés) e propoñen un gran grupo áustrico; 
  • finalmente, están as linguas chukchi-kamchatka, case extinguidas.  

 As familias que se estenden máis alá do continente son: 

  • a afroasiática, co árabe como vínculo máis evidente con África; 
  • a indoeuropea, con linguas coma o farsi, o kurdo, o hindi, o bengalí, o urdú, o paixto, o nepalés, etc., que, xunto coa familia urálica —oset, mansi, chanti—, constitúen o vínculo lingüístico con Europa; 
  • a familia esquimoaleuta —iupik—vincula Asia con América; 
  • a austronésica que inclúe linguas como por exemplo o indonesio, o malaio, o tagalo ou o xavanés, entre outras, e que conecta o continente asiático con Oceanía.   

Ademais das linguas que se puideron clasificar en familias lingüísticas, hai outras para as que non se puideron atopar parentescos claros, como por exemplo o xaponés, o coreano, o ainu, o guiliak ou o buruixaski.

En canto ao número de linguas e aos seu falantes, no continente asiático atópanse as situacións máis diversas. Nel atopamos desde linguas que xa só teñen os últimos falantes, como algunhas de Siberia, ata as linguas con máis falantes do mundo, como por exemplo o chinés ou o hindi. Cómpre ter en conta que das cinco linguas con máis falantes do mundo, tres —o chinés,  o hindi e o bengalí— son asiáticas. 

En canto ao seu status, as linguas oficiais en Asia son linguas autóctonas case en todos os estados. Iso fai que moitas linguas locais estean ameazadas pola presión doutras linguas locais e non por linguas coloniais, como acostuma ocorrer noutros continentes. Inda así, hai estados onde linguas coma o inglés ou o francés tamén son oficiais. Así, o inglés é cooficial en diversos estados como por exemplo a India, o Pakistán e Singapur mentres que o francés goza de recoñecemento en diversos estados como por exemplo Camboia ou Vietnam. 

As linguas asiáticas aportaron moitos termos ás linguas do mundo, entre eles tifón, té (chinés), xungla, xampú (hindi), mango (támil), lancha, carambola (malaio), caqui, bonsai (xaponés), espinacas (persa), zapato, quiosco (turco), lama (tibetano), panda (nepalés), mamut (oset), entre moitas outras. 

Generalitat de Catalunya
Casa de les Llengües ©