|     Contacta connosco      |     

LINGUAMÓN - Casa de les Llengües

As linguas de Europa

Inicio > Diversidade lingüística  > Les llengües del món  > As linguas de Europa

As linguas de Europa

Les llengües d'Europa

É difícil dicir cantas linguas se falan no mundo. Esta afirmación a miúdo sorprende aos que non se dedican á lingüística, pero é ben certa. Naturalmente, en Europa pásanos o mesmo e non é estraño.

No continente europeo hai linguas que case se deixaran de falar e que ultimamente se volveron falar (como por exemplo o tátaro de Crimea, falado por un pobo que sufriu a deportación). Linguas que chegan coas persoas que as empregan (como por exemplo o chinés). Linguas que, por vontade das sociedades que as converten nun elemento de identificación e cohesión social, nacen a partir doutras que xa existían (como por exemplo o luxemburgués, orixinariamente unha variedade local do alemán), e linguas que queren resucitar (como por exemplo o córnico). Tamén hai, desafortunadamente, linguas que se esvaen (como por exemplo o aragonés). Así pois, é difícil establecer cantas linguas se falan en Europa.

De todos os xeitos, pódese considerar que o número de linguas faladas no continente europeo, do océano Atlántico ata a serra dos Urais —pero sen a do Cáucaso—, está arredor das setenta, sen contar as diversas linguas de signos das diferentes comunidades de persoas xordas nin todas as linguas que os novos europeos vidos de arredor do mundo empregan cotidianamente.

A maioría desta setentena de linguas pertence á familia indoeuropea, o que significa que teñen unha orixe común e que, polo tanto, se semellan, a pesar de que estas semellanzas —por exemplo, entre o italiano e o sueco— moi a miúdo só as poden detectar os especialistas porque non son nada evidentes a simple vista. Tamén hai en Europa linguas das familias uraliana (como por exemplo o finés, o estonio, o sami ou o húngaro) e altaica (como por exemplo o turco ou o tátaro) e, aínda, unha lingua da familia afroasiática, o maltés, emparentado co árabe, e unha lingua sen familia coñecida: o vasco.

En Europa son indoeuropeas as linguas bálticas (o letón ou o lituano), as célticas (como por exemplo o gaélico irlandés, o galés ou o bretón), as eslavas (como por exemplo o ruso, o polonés, o sórabe ou o macedonio), as xermánicas (como por exemplo o inglés, o alemán, o frisón ou o islandés) e as románicas (como por exemplo o catalán, o romanés, o castelán ou o occitano), e tamén o grego, o albanés e o romaní, a lingua indoiránica que falan tantos xitanos europeos.

As linguas europeas emprestaron ao longo da historia verbas unhas das outras —e tamén de linguas doutros continentes, por suposto— , nunha interrelación fecunda. Así, só a modo de exemplo, o turco deu a un gran número de linguas europeas palabras como por exemplo haviar (‘caviar’) e yoghurt (‘iogur’). A verba sauna, existente en moitas linguas, provén do finés

O desafío principal que as sociedades europeas deben afrontar hoxe en día é o de continuar mantendo a diversidade lingüística que, sen contradición cunha notable unidade cultural, sempre desenvolveron, xunto coas linguas da inmigración, tan importante actualmente. Iso significa atopar fórmulas de comunicación supranacional que non favorezan a hexemonía de ningunha lingua e tamén dar vida a todas as linguas do continente que, por razóns económicas ou políticas, se atopan nunha situación de debilidade tal que ameaza a súa mesma supervivencia. 

Enlaces relacionados

Generalitat de Catalunya
Casa de les Llengües ©