|     Contacta connosco      |     

LINGUAMÓN - Casa de les Llengües

As linguas da inmigración en Cataluña

Inicio > Diversidade lingüística  > Les llengües del món  > As linguas da inmigración en Cataluña

As linguas da inmigración en Cataluña

Les llengües de la immigració a Catalunya

Cantas linguas se falan en Cataluña? Que linguas son? O cambio máis profundo que se produciu na composición demográfica da poboación de Cataluña nos últimos anos é o da súa procedencia xeográfica. Nunca antes conviviran persoas procedentes de todo o mundo nas proporcións actuais, e quizais nunca haberá un índice de diversidade lingüística tan alto como agora. Porque coas persoas chegaron tamén as súas linguas e, se ben algunhas teñen un número suficiente de falantes como para se poderen perpetuar en Cataluña, outras chegaron cun único falante ou cun número baixo deles, e dificilmente se transmitirán ás novas xeracións. 

O retrato das linguas dos cataláns de principios do século XXI presenta, polo tanto, unha gran diversidade (unhas trescentas linguas de todo o mundo) e mostra tamén, con bastante fidelidade, dúas imaxes superpostas: a das familias lingüísticas en proceso de extinción (khoisan, chukchi-kamtxatka, na-dené, esquimó-aleutiano, australiana), practicamente sen representación en Cataluña, e a das linguas dos lugares de orixe (sexa cal sexa o número de falantes), que deixan así un rastro indeleble que vai moito mais alá do das linguas oficiais e que nos indican con moita precisión as zonas de onde proveñen os cataláns que non naceron en Cataluña. 

Con respecto ás linguas de Europa, o crecemento sen precedentes do italiano nos últimos anos foi paralelo ao do romanés e o moldavo, as linguas románicas que creceron de forma máis significativa. Tamén as linguas eslavas, encabezadas polo ruso, aumentaron de forma considerable a súa presenza, habendo actualmente en Cataluña falantes de polonés, ucraíno, bielorruso, checo, eslovaco, esloveno, macedonio, búlgaro etc. Aínda dentro da familia indoeuropea, o albanés, o armenio, o letón e o lituano, malia non contar con comunidades numerosas, déixanse oír en zonas bastante dispersas de Cataluña . A familia uraliana conta con algúns falantes de saami e finés, pero as dúas comunidades que máis creceron nos últimos anos son a estoniana e a húngara. As dúas linguas do Cáucaso con maior número de falantes en Cataluña son o xeorxiano e o checheno.

Entre os países asiáticos dos que chegaron máis persoas a Cataluña nos últimos anos atópanse Pakistán, China e Filipinas. A estes podemos engadir a India, Nepal ou Mongolia. Os mongois aínda son poucos, pero están experimentando un crecemento regular dende hai uns anos. Das linguas de Asia, as que pertencen á familia indoeuropea son moi numerosas en Cataluña (contando algunhas delas con moitos falantes aquí). Pertencen a este grupo, entre outras, as seguintes linguas: punjabi, marathi, hindi, bengalí, urdú, gujarati, nepalés, konkani e sindhi. Tamén hai falantes de paixto, persa, cingalés, kurdo e outras linguas deste grupo. Ao sur da India localízanse as linguas drávidas, das que hai algúns falantes en Cataluña, aínda que os grupos de támil, malaialam, telugu e kannada non parecen ser dos máis numerosos dos procedentes da India. A familia altaica subdivídese en tres grupos e, segundo algúns autores, inclúe tamén o coreano e o xaponés.

En Cataluña fálanse linguas que pertencen a dous dos grupos altaicos, o túrcico (turco, uzbeko, azarí e kazakh) e o mongol (khalkha calmuco). Outra familia asiática ben representada,  tanto polo número de linguas como polo de falantes, é a sino-tibetana. O chinés en todas as súas variantes, o tibetano e o birmano, entre outras, teñen falantes en Cataluña. Finalmente, as linguas do grupo áustrico (vietnamita, laosiano, tailandés, khmer, etc.) non teñen demasiados falantes pero, así e todo, están igualmente presentes.

A gran representación da familia austronesia (as linguas que ocupan as illas do Pacífico e Madagascar) témola nas linguas de Filipinas: pangasino,  tagalo, ilocano, pampango, bicol, cebuano, hiligainón e waraio-waraio, entre outros, forman parte do grupo de máis de vinte linguas de Filipinas identificadas ata agora en Cataluña. A estas pódense engadir outras, como o malgaxe, o indonesio, o rapa nui, o maorí, o xavanés, o malaio, etc., que aínda non sendo faladas por grupos representativos, forman parte do noso patrimonio lingüístico contemporáneo. Do continente americano chegaron o español e o portugués coas súas variantes, e tamén algunhas linguas amerindias, como o quechua (con falantes orixinarios de Ecuador, Perú, Bolivia e outros países), o aimará, o maia, o nahua, o guaraní, o mapudungu, o zapoteco, o shwar e outras.

Finalmente, as linguas chegadas de África pertencen a tres familias diferentes. En primeiro lugar, o kanuri e o songhai son da nilo-sahariana. En segundo lugar, da familia afroasiática temos o árabe como representante privilexiado do grupo semítico, xunto có hebreo e o amhárico. O amazic, unha das linguas máis faladas en Cataluña, pertence ao grupo bérber desta familia. E, con algúns falantes, temos tamén o somalí do grupo xítico e o hausa do grupo chadiano, ambos os dous afroasiáticos. Por último, da familia níxer-congo temos: linguas do grupo atlántico, como o ful, o wolof, o diola e o serere; do grupo mandé, como o diula, o soninké, o bambara, o kpelle, o vai, o mandé, etc.; e do grupo benuecongolés, presente en Cataluña, sobre todo, grazas ás linguas do grupo kwa (akwapem, twi, akan, fanti, fon, ewe, ioruba, ga, igbo, etc.) e tamén ás linguas bantú, representadas historicamente polos falantes de bubi, fang, ewondo e outras linguas de Guinea Ecuatorial, ás que agora se engadiron, sen que haxa comunidades significativas, falantes de suahili, lingala, kikongo, duala e outras.

Generalitat de Catalunya
Casa de les Llengües ©