|     Contacta connosco      |     

LINGUAMÓN - Casa de les Llengües

As linguas de África

Inicio > Diversidade lingüística  > Les llengües del món  > As linguas de África

As linguas de África

Les llengües d'Àfrica

No continente africano fálanse unhas 1.500 linguas repartidas en catro familias lingüísticas a afroasiática, a nixerocongolesa, a nilosahariana e a khoisan.

A familia afroasiática, localizada ao norte do continente, divídese en cinco grupos: 

  • o semítico,
  • o bérber,
  • o antigo exipcio,
  • o cuixítico,
  • o txádico.   

O grupo semítico inclúe, entre outras, o árabe e o amhárico —lingua oficial de Etiopía. O grupo bérber inclúe o amazic, o tuareg, e o guanche, falado antigamente nas Illas Canarias. O antigo exipcio é o único membro coñecido do seu grupo. Ao grupo cuixítico pertencen linguas coma o somalí —oficial de Somalia— ou o oromo. Finalmente, o grupo chádico inclúe o hausa, que é a lingua con máis falantes de África despois do árabe.

A familia nixerocongolesa é a agrupación de linguas máis grande do mundo despois da austronésica. Esténdese do Senegal a Kenia e ata ao sur do continente. Divídese nos grupos seguintes: 

  • o mandingo, 
  • o kordofanés,
  • o atlanticocongolés. Este grupo lingüístico inclúe subgrupos de linguas coma o atlántico (ful, wólof, serer), o kwa (akan, ewe, ioruba, igbo) ou o benuecongolés, ao cal pertencen as linguas bantú (suahili, fang, zulú, kikongo, kimbundu, kikuiu, etc.), cuxo parentesco foi un dos primeiros en ser recoñecido.   

A familia nilosahariana localízase en diversos núcleos entre a familia afroasiática e a nixerocongolesa. A ela pertencen o masai, o chiluk, o kanuri, o songhai ou o nuer, entre outros.

Finalmente, a familia khoisan espállase polo sur do continente e xunta linguas coma o nama ou o kwadi. 

Á parte das linguas agrupadas nestas catro familias lingüísticas, no continente africano fálase o inglés, o francés, o portugués e o español como consecuencia da colonización. Así, coa independencia das colonias, moitos estados africanos optaron por unha lingua europea como lingua oficial: o portugués éo en Mozambique, Angola, Guinea Bissau e diversas illas do Atlántico, o español na Guinea Ecuatorial e o inglés e o francés en diversos estados cada unha. 

Se nos fixamos na dinámica das linguas, África pode ser considerado o continente da diversidade lingüística, xa que é o lugar onde porcentualmente se dan menos procesos de substitución (aproximadamente un 20% fronte ao 50% global). Outro trazo característico é que, mentres que noutras zonas do mundo as linguas que se estinguen son substituídas por linguas europeas, en África son outras linguas africanas (suahili, wólof, hausa, ful, txixoona) as que ocupan o espazo das subordinadas.

Espalláronse arredor do mundo palabras derivadas das linguas africanas. Así, hai palabras como por exemplo vudú, zombi, chimpancé ou safari provintes do bantú. Cola, procedente do ewe, chegou a moitas linguas a través da coca-cola, e ñú, de orixe khoisan, é unha das poucas palabras que saíron desta familia. 

Como testemuño dunha lingua xa extinguida, o antigo exipcio deixounos verbas como endivia, goma, oasis ou ebanista. A estas poderiamos engadir o gran número palabras provintes do árabe e do amazic que se espallaron arredor do mundo, entre as que está a palabra algodón (árabe). 

Generalitat de Catalunya
Casa de les Llengües ©