Obxectivos
A cátedra fomenta actividades de investigación, formación, información e documentación sobre o multilingüismo como medio de desenvolvemento social e económico. Para cumprir estes obxectivos, a cátedra quere ser un espazo de reflexión e análise interdisciplinaria sobre o papel das linguas e o multilingüismo no proceso de mundialización da sociedade. Tamén propón o marco de cooperación internacional necesario para a formación académica neste ámbito.
Así mesmo, aspira a ser unha entidade xeradora, difusora de coñecemento, capaz de facilitar mecanismos xeradores de cambio que amplifiquen os beneficios do multilingüismo, e un instrumento para estimular a colaboración entre investigadores de alto nivel e de prestixio internacional, docentes universitarios e representantes doutros organismos.
Consello directivo
O Consello de Dirección da cátedra está integrado por catro representantes da UOC e por dous membros da Casa das Linguas. O director dos Estudos de Humanidades da UOC, Isidor Marí, é o director da nova cátedra e Miquel Strubell, actualmente profesor dos Estudos de Linguas e Culturas, o secretario.
Isidor Marí foi profesor da Facultade de Filosofía e Letras das Illas Baleares. Entre o ano 1980 e 1996 ocupou cargos no Goberno de Cataluña, coma os de xefe do Servizo de Asesoramento Lingüístico (1980-1988) e subdirector de Política Lingüística do Goberno de Cataluña ata o ano 1996, no que se incorporou á Universitat Oberta de Catalunya.
Miquel Strubell foi xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Generalitat de Cataluña o ano 1980. Posteriormente foi director do Institut de Sociolingüística Catalana, secretario do Consell Social de la Llengua Catalana (órgano de asesoramento, consulta e participación social na política lingüística da Generalitat de Cataluña) e vicepresidente do Consorci per a la Normalització Lingüística, o organismo que vela polo uso do catalán en todos os ámbitos da sociedade, ata o ano 1999 no que se incorporou como profesor da UOC.
Recomendación da Comisión Europea
A creación desta cátedra segue o novo marco estratéxico para o multilingüismo que propón a Comisión Europea [COM (2005) 596 final] Esta comunicación pide aos gobernos estatais, rexionais e locais que tomen medidas a favor do multilingüismo e, entre outras actuacións, propón que se creen estudos sobre multilingüismo nun modelo de cátedras sobre a diversidade lingüística.